17 de mayo de 2013

Día das Letras Galegas

Hoxe, 17 de maio, é (ou debería ser) un día de ledicia para Galiza. Un día para conmemorar a todos aqueles que no seu momento loitaron por nós e polo que os galegos somos hoxe en día. A sociedade, as costumes e a cultura da que gozamos actualmente é froito de rabia, de valentía e de ardor. E, posiblemente, hoxe sexa o día de pararnos a pensar se estamos a tratala como se merece. Xa non imos a loitar máis pola nosa lingua? Xa non soñamos cun futuro mellor? A indiferenza que se sinte pola rúa sobre este tema debería ser suficiente para que os que nos sentimos galegos, os que sentimos que estamos en débeda cos nosos devanceiros, alcemos a voz para facer oír a nosa vontade de dar un futuro máis glorioso á nosa terra. Esa terra que nos deu o ser. Esa terra á que nun momento lle arrincaron a vida e tivo que ver marchar á súa xente buscar fortuna fóra. Aínda hoxe lle caen as bágoas ás rías ó lembrarse dos barcos cheos de miseria partir cara América, e as praias seguen arroupando ás mulleres "viúvas dos vivos", que quedaron soas nas casas, con fame e fillos por criar. 
E os que vivimos aquí agora, os que disfrutamos da maxia desta terra, da fala, das paisaxes, das meigas que habelas hailas, do encanto das rúas de Santiago, da música, das xentes, das familias, das avoas galegas, do polbo á feira, das noites estreladas de verán, dos solpores en Fisterra, dos amenceres nas Cíes, dos castros celtas, do canón do Sil, da auga fresca dos Ancares... Nós, afortunados, non deberíamos loitar por conservar o que temos?  Aínda que só sexa por facer botar un sorriso a Rosalía, Castelao ou Pondal dende onde queira que estén: levantemos a cabeza ben alta e berremos o que outros nos queren facer calar. 


"Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se alvisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é historia. A tradición é eternidade."